__De xeito puntual programamos actividades formativas para todas as persoas interesadas. Xa sexan obradoiros de escrita en diferentes momentos e formatos, xa sexan cursos de declamación... procuramos fomentar a creatividade dos/as participantes e aumentar a súa formación literaria.

TALLERES DE ESCRITA CREATIVA

__Esta actividade desenvolveuse entre os meses de abril e maio de 2003 a cargo da escritora Beatriz Dacosta.

__A escribir apréndese escribindo, cometendo erros, cambiando de lugar, usando moito tinte de borrar, de tratar de confeccionar o traxe axeitado para a historia que queremos transmitir. Un factor fundamental á hora de enfrontarse a todo ese noso universo son as múltiples lecturas que contan no noso haber, igual que un etnólogo goza dun bo viño e sabe distinguir unha textura doutra, un escritor ou escritora recoñece esa música das distintas partes que tocan as palabras e coa práctica e o traballo consigue descubrir fermosas pezas literarias. Chegamos á beira do mundo cun peto cheo de verbas que se tecen entre si para formar un texto e levamos connosco todo ese patrimonio cultural e de vida que se nos foi pegando á pel, e con eses ollos, cos ollos errantes da maxia e da sorpresa ante calquera evento trazamos migallas de ilusión, desexos, escapismos, liberacións, medos, natureza, emocións, razóns, serpes, cabalos, nomeolvides ou árbores con certa señardade de infancias afastadas e presentes na memoria.

__A través do taller de escrita creativa pretendimos achegarnos a esas técnicas que constitúen o armazón sobre o que se asenta o discurso narrativo e así facelas conscientes. Como somos moi xoguetóns comezamos a nosa viaxe cunha exploración fantástica ao mundo das lembranzas. Este primeiro exercicio de toma de contacto consistía en desatascar o noso músculo creativo da man dun recordo da infancia e das sensacións relacionadas con el introducindo "ruídos" (palabras ao chou seleccionadas dunha listaxe que nada tiñan que ver co que cadaquén escribía e que debían de colocarse de inmediato unha vez que eu dicía "xa") cada pouco tempo que alteraban o ritmo propio da historia. O resultado foi tan variado como distintos eran as escritoras e escritores, e así a maioría deles e delas construíron un texto fechado e integraron ben as digresións mentres que para outros a potencia dese "ruído" provocou un "deixarse ir" pola idea que navegaba diante dos ollos captando a forza do momento creativo.

Pincha nestes enlace para saber mais:

__