__
__Neste ano 2010 na Lonxa Literaria decidimos celebrar o Día do Libro, o 23 de abril, cun par de actividades novas.
__Por unha parte, queriamos regalar nas librerías de Moaña un marcapáxinas elaborado para a ocasión no que se grafase un verso ou estrofa que incitase á lectura. O elixido nesta ocasión foi un verso de Uxío Novoneyra, do seu poemario Os Eidos:
__CHOVE pra que eu soñe...
__Ademais, montamos un posto no paseo martítimo na tarde do día 23 para regalarmos libros aos paseantes. Repartimos case a totalidade dos trescentos libros conseguidos a través de doazóns. Apenas nos quedaron existencias para o vindeiro ano.
__Pero, para regalámoslles o libro escollido a cadaquén, puxemos unha condición: debían colaborar na elaboración dun conto colectivo, se se trataba dun adulto/a, ou realizar un debuxo, se eran cativos/as (non fomos intransixentes).
__O resultado do conto foi o que segue (non se efectúa ningún tipo de corrección no escrito):
__"Pasei mala noite. Decidín ir ó médico. Déronme cita para ese mesmo día. Estaba esperando o meu turno cando, de súpeto, algo sucedeu. Fun coller a alta pero atopeime peor e tuven que facer uns análisis. Cando fun, soben que non me doía nada e ahora doime todo.
__Haberá que ir de vacacións para poñerse ben. E, se pode ser, a unha illa tropical donde todo sea gozar e disfrutar da vida sencilla.
__Logo, dempois de matinar nos acontecementos dos últimos días, decidín facer un troco na miña vida, así que fun ao chollo e díxenlle ao xefe que aí ficaba, que eu marchaba. Logo fun a unha axencia de viaxes e merquei uns pasaxes a Australia. Cando ía saír ao aeroporto, puxen a televisión e escoitei a noticia: tódolos aeroportos pechados polo famoso volcán! Meu Deus! Como a Australia non podía ir en coche nin en avión emprendín a viaxe en barco..."
Outras persoas, en vez de continuar a narración, preferiron deixar unha frase:
__"O ben máis preciado é a imaxinación. Que non nos falte nunca para que non se peche a fiestra que dá cara ós soños."
__"A treboada das palabras deixan a súa pegada dende que nacemos até que morremos."
__"Ler é unha verdadeira ledicia. Axuda a soñar e a vivir."
__En total, recollemos 132 colaboracións de persoas adultas e 24 dos máis cativos/as.
__O resultado da iniciativa foi un éxito. Contamos repetila para o ano.
|