__A Lonxa Literaria é unha asociación cultural constituída en Moaña por un grupo de persoas moi heteroxéneo cunha afección común: o gusto pola literatura.
__Como consecuencia desta afección, embarcámonos desde hai anos na realización de diferentes actividades literarias entre as que destaca a organización de tertulias coa presenza de autores e autoras, de recitais poéticos, de contacontos, de lecturas dramatizadas, de certames de relatos, de accións formativas ou de eventos semellantes, actividades todas elas nas que te convidamos a participar.
__Na base deste traballo está, entre outros, o interese pola difusión da nosa literatura, polo fomento do gusto pola lectura e pola achega do mundo da literatura a públicos non habituais. |